O II Congreso de Igualdade e Recursos Humanos de Servizos Públicos de Saúde busca reunir a persoas con responsabilidades en políticas de persoal, formación , xestión e políticas de igualdade no ámbito sanitario público e privado, nacional e internacional, continuando co camiño iniciado en Barcelona durante o Congreso celebrado fai un ano. Compartimos a filosofía de axuntar obxectivos e ser ademais un punto de encontro de todas as persoas implicadas no sector sanitario dende as distintas administracións públicas e tamén do sector privado, para poñer en común experiencias e desta forma compartida buscar solucións aos retos cos que se enfronta a sanidade do futuro próximo. O Servizo Galego de Saúde, como entidade organizadora deste segundo Congreso, pretende tratar aquelas materias que preocupan e que son condicionantes actuais en sanidade: políticas con perspectiva de xénero e igualdade, benestar emocional do persoal, liderado motivador, experiencias de éxito en atención primaria ou retención do talento. O noso programa é ambicioso e o éxito depende das experiencias e coñecementos compartidos.